Phen375 Ciberbullying: o engano do falso anonimato (PARTE 1) | FAMIPED

FAMIPED

Familias, Pediatras y Adolescentes en la Red. Mejores padres, mejores hijos.

Revista electrónica de información para padres de la Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap)

Ciberbullying: o engano do falso anonimato (PARTE 1)

David Cortejoso Mozo, Psicólogo Sanitario en Centro Psicológico y Educativo Huerta del Rey. Autor del manual para padres: ¡P@dres en alerta! Nuevas Tecnologías.
Botóns.eu - Portal Galego de Educación.

Hoxe en día, os aínda mal chamados nativos dixitais, móvense ás súas anchas no mundo dixital. Un mundo que lles proporciona facilidades de comunicación, lecer, coñecemento e millóns de curiosidades coas que gastar o seu tempo. Un dos problemas que ofrece este novo mundo no que todos nos movemos, é a falsa sensación de anonimato.

En realidade, os nativos dixitais son orfos dixitais na medida na que están a explorar e interactuando con esta nova contorna que é internet e os dispositivos tecnolóxicos para conectarse, sen apenas a existencia dunha guía axeitada dos responsables da súa educación; sen límites, sen coñecemento das normas, das responsabilidades, sen establecer regras de uso e sen saber cales son os riscos e como protexerse deles. Este labor é noso, dos proxenitores, e por desgraza, non o estamos levando a cabo.

A mediación parental dixital é ese gran descoñecido na actualidade, e os pais escudámonos en diferentes motivos bastante débiles e moi oídos: "Quédanos moi lonxe iso das novas tecnoloxías", "Somos moi maiores para andar con maquiniñas", "Non temos nin idea de como funciona internet", "Os nosos fillos saben máis da internet que nós", etc

A mediación parental dixital é un labor imprescindible que os proxenitores estamos obrigados a levar cabo hoxe en día, coa finalidade de fomentar un uso responsable das novas tecnoloxías, de ensinar aos nosos fillos cales son os perigos que existen na Rede para eles, como protexerse e saber ofrecer solucións cando por desgraza un destes perigos se materializa.

A falsa sensación de anonimato que os menores (e moitos adultos) pensan que teñen ao interactuar coas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), é froito primeiro, desa falta de mediación parental dixital por parte dos responsables da súa educación e, segundo, das propias tecnoloxías, que fisicamente lles fan crer que aquilo que fan ou mandan a "á nube", queda aí, estando máis que protexidos detrás dunha pantalla ou un teclado.

Isto dá lugar en moitas ocasións a que moitos menores se atrevan a facer cousas coas novas tecnoloxías que non farían na vida física, e entre elas o acosar, insultar, ameazar, excluír, facer presión, mentir...

Razóns do cambio de "terreo de xogo"

O ciberbullying é o acoso e a agresión entre menores levado a través das novas tecnoloxías e dos dispositivos conectados a internet. É o "acoso escolar" que se produciu de sempre, pero que saltou a este novo escenario. Pero, cales son as razóns polas que os menores recorren ás novas tecnoloxías para practicar o ciberbullying? Son varias e bastante contundentes:

- O ou os agresores necesitan exhibir esa agresión e ese dominio sobre a súa vítima, de forma que necesitan que outros o vexan. Na internet e coas novas tecnoloxías, o número de espectadores medra exponencialmente e é un filón para eles.

- O insulto, a ameaza, a agresión, na internet vai estar máis tempo visible e por tanto máis tempo facendo dano.

- O ciberbullying, como outras cuestións na Rede, é moi rechamante, ten un efecto viral, chega rapidamente a moitísimos e é moi fácil que outros se somen á agresión.

- O falso anonimato das TIC fai que moitos prefiran este método antes que facelo no trato directo, aínda que doutra banda, ciberbullying e bullying van moitas veces da man, e os que empezan a acosar directamente tamén usan as TIC para reforzar a agresión.

- As novas tecnoloxías ademais permítenlles actuar en calquera momento, non fai falta que sexa inmediatamente, permítenlles actuar en tempo non real.

- Ao actuar vía internet prodúcese un efecto de minimización da autoridade e a responsabilidade, polo que se atreven con maior facilidade a practicar estas agresións. E minimízase tamén o posible efecto protector das restricións sociais e culturais.

Actores implicados no ciberbullying

Por enunciar unha definición máis formal do ciberbullying, podemos utilizar a seguinte: "O dano intencional e normalmente repetido, inflixido por parte dun menor ou grupo de menores cara a outro menor mediante o uso de medios dixitais". Tres cuestións básicas se extraen desta definición: a intencionalidade dos agresores, que sexa habitualmente algo repetido e continuado (non illado), e o feito de que se valla de medios dixitais para levalo a cabo.

O ciberbullying é un lastre educacional no noso tempo, que pode manifestarse de moitas e distintas formas, pero que sempre persegue o mesmo obxectivo, o de facer dano. Pódese realizar a través de insultos, ameazas, provocacións, exclusións dun grupo, rede ou actividade, difundir un bulo ou mentira, revelar unha verdade, manipular unha imaxe ou vídeo, coaccionar, espiar, abafar, e un longo etcétera.

Pero o ciberbullying non só é cuestión de dous. Os principais actores no ciberbullying son:

- Agresor/es: son aqueles que inflixen o dano á vítima, valéndose das novas tecnoloxías para levalo a cabo.

- Vítima/s: aqueles que sofren o dano por parte dos agresores.

- Espectador/es: aqueles que están a ver a agresión e son partícipes da mesma de forma activa ou pasiva, simplemente sendo espectadores. Os agresores, se lembramos, necesitan exhibir a agresión, polo que hai probabilidades de que a agresión non se producise ou fose moito menor, sen a existencia de espectadores.

Neste sentido, os espectadores son un grupo fundamental á hora de traballar na prevención do ciberbullying, tanto desde as propias familias, como desde o propio centro educativo, xa que grazas á súa intervención deteríanse moitos casos de ciberbullying. Hai que conciencialos de actuar e denunciar estas situacións, para o que se lles pode dar distintos motivos:

- Porque ninguén ten dereito a actuar na internet maltratando a outros, sexa cal for a razón.

- Porque hai que ser solidario e axudar aos demais.

- Porque se non actúan, están a alentar o agresor para seguir agredindo.

- Porque unha vez que se arrinca, é fácil que outros se somen a axudar.

- Porque se o tolera, afaise á inxustiza e medra tolerándoa.

- Porque axudando á vítima, sentirase ben consigo mesmo.

- Porque non paga a pena ser amigo de alguén que agride a outro.

- Porque ninguén lle pide que deba pelexarse, abonda con que llo conte a un adulto.

Referencias

1 Hábitos seguros en el uso de las TIC por niños y adolescentes y e-confianza de sus padres

2 Monográfico sobre Ciberacoso Escolar (Ciberbullying)

3 Arigo na web bullying-acoso.com: Qué hacer si sospechas que tu hijo es víctima del ciberbullying